Novembro. 2019

Adquirir a voz de muller:
a escritura entre ficción e realidade

Auditorio. O Vello Cárcere de Lugo

Escritora e crítica teatral, é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago e diplomada polo Institut d’Études Théâtrales da Université Paris III – Sorbonne Nouvelle. Desde 2007 é columnista no xornal La Voz de Galicia. Deuse a coñecer en 1996 coa novela Neve en abril (1996 e 2005). Despois publicou os libros de relatos Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), mais acadou o recoñecemento do público e a crítica coas súas novelas, entre as que destacan Concubinas (Premio Xerais de Novela 2002), Non quero ser Doris Day (2006) e Memoria de cidades sen luz (Premio Blanco Amor 2008, Premio Arcebispo San Clemente e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega); ademais escribiu o libro de viaxes New York, New York (2007) e os ensaios feministas Maternosofía (2014) e Chámame señora, pero trátame come a un señor (2018). En 2016 publicou a que ata agora é a súa última novela, Aqueles días en que eramos malas. Actualmente, é tamén profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e membro da Sección de Xénero do Consello da Cultura Galega. Figura no consello de redacción da revista Grial, onde desenvolve un intenso labor crítico ao que se acrescentan as súas investigacións publicadas noutros espazos relacionados cos estudos teatrais no ámbito internacional. Centrada esencialmente na análise da política e institucións teatrais e na configuración de sistemas teatrais emerxentes, publicou os libros Un abrente teatral (2002), Teatro e canonización (2004) e Resistir no escenario. Unha historia institucional do teatro galego (2015). Tamén é tradutora ao galego da obra dramática de Albert Camus e de Jean Genet e directora para o Consello da Cultura Galega, do proxecto en liña Dicionario Enciclopédico de Termos Escénicos.

Share This